O acto de toma de posesión do reitor estivo presidido polo titular da Xunta, Alfonso Rueda
O actual reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, reelixido nas eleccións do pasado 4 de maio, tomou posesión este luns por outros catro anos nun acto que estivo presidido polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e que, en grande medida, protagonizou a lembranza do profesor e exvicerreitor Manuel Ramos, falecido na véspera das eleccións. Para el foron as primeiras palabras que pronunciou o reitor e que antecederon un discurso no que lembrou como xurdiu H2040, os logros acadados nos seus primeiros catro anos de goberno, “intensos e marcados pola pandemia”, e os obxectivos xerais para os vindeiros catro.
Na cerimonia, que tivo lugar no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, o presidente da Xunta destacou o papel preponderante das universidades na sociedade, un papel “paradigmático da UVigo como motor conectado á contorna”, ao tempo que lembrou a implicación de Manuel Reigosa na creación e no desenvolvemento da institución académica viguesa, referíndose a el como un interlocutor “esixente e dialogante”.
A toma de posesión de Reigosa contou coa presenza de entidades destacadas como son os reitores das Universidades de Santiago e de Coruña, Antonio López e Julio Abalde respectivamente; o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez; o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o presidente do RC Celta de Vigo, Carlos Mouriño; ou o delegado do goberno no Consorcio Zona Franca de Vigo, David Regades, entre outros.
Balance de catro anos e retos de futuro con Manolo Ramos na memoria
O discurso de Manuel Reigosa estivo marcado pola lembranza do seu compañeiro de equipo de goberno, o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos Cabrer, falecido a véspera da xornada electoral, celebrada o pasado mes de maio. “Quedamos sen alguén que nos guiaba. Manolo era a fortaleza, a capacidade de traballo, o alicerce”, dixo o reitor, que se amosou convencido de que Ramos os seguirá guiando nesta nova etapa, “aínda que sen el, todo será máis difícil”. O reitor rememorou o máis destacado do seu mandato entre os anos 2018-2022, “una etapa na que fixemos moitas cousas das que estou orgulloso”, dixo. Nun período que estivo en boa parte determinado pola pandemia, o reparto de dispositivos Mifi entre o alumnado universitario con dificultades para acceder a Internet e a posta en marcha dunha liña específica de bolsas para familias afectadas por ERTE,s e ERE,s, foron dúas das actuacións que o reitor lembrou e ás que sumou a posta en servizo do Campus Remoto, Moovi e Campus Integra.
A captación de fondos a través de proxectos internacionais, de actividades de I+D, de proxectos competitivos colaborativos empresa-universidade e de infraestruturas, foi outro dos aspectos destacados por Manuel Reigosa no seu discurso, no que cifrou en 24.2 M€ a cantidade captada en 2021; 22.9 en 2020; 18,3 en 2019 e 18,5 en 2018. En canto á retención de talento, o reitor cifrounas en 39, destacando ademais as 16 da convocatoria Ramón y Cajal. Outra das cuestión destacadas por Reigosa no seu discurso foron as case 2000 publicacións en Web of Science e recordou o posto acadado pola institución viguesa no ranking de Shangai, situada entre as 501-600 mellores universidades do mundo.
No referente ao ámbito da sostiblidade a través da “axuda da Xunta, que financiou ata un 80%”, como recordou o reitor, realizáronse as instalación xeotérmicas en Ourense, de biomasa no de Pontevedra e as de aerotermia e fotovoltaicas nos tres campus. O reitor tamén destacou as actuacións no ámbito da Igualdade, como foi a creación da Cátedra Feminismos 4.0, a posta en servicio de salas de lactación, a posta en marcha dun sistema de subministración de produtos de hixiene feminina, a denominación dos edificios administrativos do campus de Vigo con nomes de mulleres destacadas e a aprobación do distintivo de Igualdade.
Finalizado o balance, o reitor centrou a súa intervención en debullar as propostas para o período 2022-2026, no que o equipo de goberno centrarase en traballar por “unha universidade comprometida coa igualdade, coa lingua e a cultura galega e internacional”. Recambio xeracional, mellora e reequilibrio do persoal, mellora da experiencia universitaria, reformulación da xestión e unha universidade atractiva para o estudantado, ademais de investigadora e innovadora, sostible e igualitaria, son os eixos de acción do goberno de Reigosa. Manuel Reigosa avogou pola urxente renovación do PDI, debido ás xubilacións do persoal da Uvigo, proceso no que demandou “sentido, porque un PDI non se improvisa e compre maduralo”.
Reigosa tamén se detivo en debullar algúns dos retos para mellorar a capacidade investigadora e innovadora da UVigo, como o incremento progresivo da partida destinada á produción científica e de transferencia; o reforzo dos centros e estruturas de investigación e transferencia; o impulso á renovación das infraestruturas científico-técnicas e a internacionalización a través da captación, mentres que no ámbito da transferencia, aposta por incrementar os contactos con empresas, fomentar a súa participación en proxectos e internacionalizar os proxectos. O reitor fixo una especial mención á Estratexia de atracción e de consolidación de talento para o fortalecemento docente e investigador da Universidade de Vigo 2022-2030, baseada na formación, atracción, retención e consolidación, co obxectivo de reverter o envellecemento, reequilibrar o xénero e con accións transversais para resolver os desequilibrios.
O novo reitor rematou o seu discurso de toma de posesión agradecendo “o traballo arreo” realizado polo equipo de goberno que o acompañou na primeira lexislatura e co que enfrontará un novo mandato á fronte da UVigo.
Un camiño “de coñecemento e innovación” ao servizo de Galicia
“A Universidade de Vigo é un paradigma de conexión cunha cidade e cunha zona de influencia, cunha comunidade e cos seus desafíos, sen deixar de ter un pé na excelencia e na xeración de talento” salientou no seu discurso o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que definiu ao reitor como “un interlocutor dialogante, esixente para defender a súa institución, pero sempre disposto a chegar a acordos que beneficien a Galicia”. Reigosa “coñece a universidade de portas cara dentro e sabe do seu potencial de portas cara fóra”, salientou o presidente galego, que lembrou que o reelixido reitor foi na década de 1970 un dos asinantes “daquela solicitude impulsada por pais e nais para crear unha universidade no sur de Galicia” e mantivo desde entón a súa implicación cunha institución que hoxe “representa un terzo do sistema universitario galego”. A UVigo, lembrou Rueda, lidera “o número de solicitudes de patentes a nivel nacional e galego”, constitúe un “puntal” en áreas “como a enxeñaría, as ciencias e as ciencias sociais e xurídicas” e supón un “pulmón de talento e innovación” para o tecido industrial do sur de Galicia. O presidente autonómico tamén quixo trasladarlle ao reitor o apoio da administración galega para facer fronte aos retos que se lle presentan no seu segundo mandato.
O Sistema Universitario de Galicia (SUG) constitúe un “motor conectado á realidade” que permite que a comunidade “avance con máis fortaleza e benestar”, afirmou o presidente autonómico. Rueda incidiu no apoio da Xunta ás tres universidades do SUG, reflectido no plan de financiamento para o período 2022-2026, dotado con 3200 millóns de euros, “o máis ambicioso da historia”. Á súa vez, o presidente salientou o “balance máis que satisfactorio” que deixa a renovación do mapa de titulacións, que posibilitou a posta en macha na UVigo de tres novos graos e 13 mestrados desde 2017 e que permitirá a implantación de seis novas titulacións o vindeiro curso. Finalmente, Rueda non quixo deixar pasar o recoñecemento á “excelencia do noso sistema investigador, no que están moitas claves do noso futuro”, destacando o programa de centros de excelencia (Cigus) da administración autonómica, que achegou á Uvigo 4.9 M€ nos últimos dous anos.
Toma de posesión dos 11 vicerreitores e o secretario xeral
Xunto ao reitor xuraron o cargo o resto do seu equipo. O primeiro foi o secretario xeral Miguel Ángel Michinel. Tras el viñeron a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, María Belén Rubio; o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez; o vicerreitor de Profesorado, Docencia e Titulacións, Alfonso Lago; a de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama; a de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini; a de Internacionalización, Maribel del Pozo; o de Relacións coa Empresa, José María Martín Moreno; a de Benestar, Equidade e Diversidade, Maribel Doval; a de Extensión Universitaria, Susana Reboreda e as novas vicerreitoras dos campus: Elena Rivo do campus de Ourense e Eva María Lantarón do de Pontevedra.
Fonte: DUVI


