O noveno Ranking CYD sitúa á UVigo entre as de maior rendemento das 79 incluídas á hora de acadar recursos para I+D
A Unviersidade de Vigo atópase entre as universidades españolas con maior eficiencia na captación de fondos para levar a cabo as súas investigacións e posterior transferencia de coñecemento a empresas e institucións. A novena edición do Ranking CYD, que inclúe a 79 centros públicos e privados de España, sitúa á UVigo por encima da media nacional en ambos indicadores e tamén ratifica o alto rendemento no número de publicacións por profesor e de carácter interdisciplinaria en varias enxeñarías, así como en Bioloxía.
O informe foi elaborado pola Fundación Conocimiento y Desarrollo (Fundación CYD) e analiza un total de 37 indicadores que miden a dedicación das universidades españolas na docencia, na investigación, na orientación internacional e a súa contribución no desenvolvemento da rexión na que se atopan emprazadas.
A UVigo atópase, no apartado de I+D, situada no grupo de maior rendemento de fondos externos, no número de publicacións por profesor e no carácter interdisciplinario. Estes resultados sitúana como a universidade galega con máis indicadores de alto rendemento, por diante de Santiago (5) e A Coruña (2). A excepción do indicador de fondos externos captados, a UVigo supera a media de todas as institucións españolas.
No referente á transferencia de coñecemento, a Universidade de Vigo sitúase entre as catro con maior rendemento nos seguintes indicadores: fondos privados liquidados, patentes concedidas por profesor, licencias de propiedade intelectual e industrial e creación de spin-offs.
O ranking tamén reflicte que, en canto á orientación internacional da captación para proxectos, aínda hai traballo por facer e constitúe unha tarefa pendente. Só destaca o seu rendemento de publicacións en colaboración con expertos doutros países.
De todas as universidades analizadas nese ranking, Vigo sitúase como a universidade galega con maior mobilidade de estudantes e con máis teses doutorais realizadas por alumnos estranxeiros. E, no que a publicacións se refire, atópase moi preto da Universidade de Santiago.
Outra información que nos desvela o Ranking CYD é que Vigo e A Coruña superan á Universidade de Santiago en canto a publicacións científicas rexionais, que permiten un desenvolvemento da comunidade galega.
En canto aos ámbitos de coñecemento, a Universidade de Vigo destaca na investigación e transferencia de coñecemento en Enxeñaría Industrial e Química, onde resalta en publicacións por profesor e interdisciplinarias, en publicacións postdoutorais e en captación de fondos privados. A maiores, atópase entre as universidades españolas de maior rendemento nos dous indicadores de Enxeñaría Eléctrica, Informática e Bioloxía e nun, no caso da Enxeñaría Mecánica e Química.
Mulleres en STEM
Unha das novidades desta novena edición do Ranking CYD é a presencia das mulleres nos estudios STEM. As alumnas só representan o 36% do alumnado matriculado en graos de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas. Bioloxía (62%), Química (55%) e Arquitectura (50%) son as carreiras con máis presenza de mulleres nas universidades españolas, mentres que a súa presenza cae a 14% en Enxeñaría Informática, a 17% en Enxeñaría Mecánica e a 19% en Enxeñaría Eléctrica.
Tamén se obtiveron datos das teses que leron as alumnas en carreiras STEM, que representan o 37% do total. O persoal docente e investigador supón un 30% e as catedráticas son un 23% do total.
Fonte: Faro de Vigo


