A actividade está especialmente dirixida ás familias e alumnado de bacharelato e ciclos formativos
Tres anos despois volven á Universidade de Vigo as Xornadas de Portas Abertas en formato presencial, unha actividade coa que achegarse ao conxunto da sociedade pero pensada especialmente para as familias e o alumnado de bacharelato e dos ciclos formativos de grao superior que desexen coñecer en primeira persoa as infraestruturas e a oferta académica da institución. Serán en horario de mañá o martes 14 no campus de Ourense, o mércores 15 no de Pontevedra e o xoves 16 en Vigo e para participar non é preciso inscrición previa.
Con actividades diferentes en cada un dos campus, as persoas que ese día se acheguen a algunha das escolas ou facultades da UVigo poderán coñecer de primeira man as principais características da UVigo e toda a súa oferta educativa. “Esperamos que, despois de visitarnos e coñecer máis de preto a Universidade de Vigo, lles sexa máis fácil tomar unha decisión tan importante como elixir unha titulación na que poidan desenvolver as súas capacidades e habilidades”, explican desde a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria.
Dun simulador de voo ao túnel de vento no campus de Ourense
As Xornadas de Portas Abertas arrancarán o martes 14 no campus de Ourense, onde cada un dos centros organizou diferentes actividades adaptadas á súa propia oferta formativa. Cada actividade terá unha duración máxima de 45 minutos, de maneira que o alumnado que visite varios centros dispoña de arredor de 15 minutos para chegar ao seguinte centro. O punto de inicio, ás 10:00 horas, será na Escola Superior de Enxeñaría Informática, onde a gran novidade é o novo Grao en Intelixencia Artificial.
As mozas e mozos que se acheguen, ás 10:30 horas, á Facultade de Educación e Traballo Social poderán participar nunha xincana polas instalacións do centro, resolvendo probas e coñecendo, ao mesmo tempo, os diferentes espazos. Ás 11:00 horas a cita é na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo onde poderán ver dende un túnel de vento ata un simulador de voo ou un ultralixeiro. No caso da Facultade de Historia, ás 11:30 horas, organizaron para os seus visitantes un particular xogo de cartas a través co que achegarse á oferta formativa deste centro, mentres que na Facultade de Ciencias, ás 12:00 horas, haberá unha charla de benvida sobre os tres graos que se imparten na escola, unha visita a unha aula modelo e outra a un laboratorio de investigación e prácticas.
En Ciencias Empresariais e Turismo, a visita será ás 12:30 horas e falaráselle, entre outras temáticas, dos diferentes programas conxuntos que ofrece a facultade (ADE-Dereito, ADE-Informática e Turismo-Historia). A continuación, ás 13:00 horas, será a visita guiada á Facultade de Dereito, onde, ás 13:30 h, terá lugar unha charla sobre o novo Grao en Relacións Internacionais, unha das principais novidades da oferta académica da UVigo para o vindeiro curso.
Cine, arte, drones… no campus de Pontevedra
No caso do campus de Pontevedra, a estrutura das actividades é similar á de Ourense. O centro máis madrugador é Ciencias da Educación e do Deporte, onde xa teñen todo listo para unha visita guiada que arrancará ás 10:00 horas. En Fisioterapia, ás 10:30 horas, o obxectivo é dar visibilidade ao exercicio terapéutico para o tratamento e a prevención de patoloxías, mentres que na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación realizarase unha proxección de cine con curtas realizadas polo alumnado do centro.
A partir das 11:45 horas haberá actividades na Escola de Enfermaría e as 12:00 horas en Dirección e Xestión Pública darán as claves para “hackear” o mundo global e facelo máis sostible. Na Escola de Enxeñaría Forestal, ás 12:30 horas, a visita ás instalacións do centro virá acompañada con diferentes demostracións nos seus laboratorios (drones, taller de madeira…). A visita aos talleres e espazos da Facultade de Belas Artes será ás 13:00 horas.
Visitas guiadas organizadas por ámbitos no campus de Vigo
En Vigo, cun formato distinto, as Xornadas de Portas Abertas arrancarán ás 11:00 horas na sala 1 do edificio Miralles cunha charla xeral sobre preinscrición, matrícula e oferta formativa da Universidade de Vigo, así como con información sobre os diferentes servizos da institución e a súa oferta cultural e de extensión universitaria. Rematada esta charla, arredor das 11:45 horas, as persoas asistentes dividiranse en catro grupos, segundo o ámbito de coñecemento que máis lles interese: Arte e Humanidades, para os que desexen achegarse á Facultade de Filoloxía e Tradución; Ciencias, para os que queiran coñecer Bioloxía, Ciencias do Mar e Química; Ciencias Xurídicas e Sociais, para os interesados en visitar Ciencias Económicas e Empresariais e Ciencias Xurídicas e do Traballo, e Enxeñaría, para os que se decanten por Industrial, Minas e Enerxía ou Telecomunicación. As visitas aos centros comezarán ás 12:00 horas. Cada unha terá unha duración aproximada de 20 minutos, de cara a facilitar que os grupos de alumnado que teñan interese por coñecer varios centros do mesmo ámbito poidan facelo sen dificultade.
No caso da Facultade de Comercio, as mozas e mozos interesados en visitar este centro poderán facelo en horario de 10:00 a 14:00 horas achegándose simplemente á secretaria do centro e indicando que están a participar na Xornada de Portas Abertas 2022.
Fonte: DUVI


