As Escolas de Enxeñaría do Vigo Tecnolóxico retoman os actos de graduación trala pandemia

Vigo TecnolóxicoActualidadeAs Escolas de Enxeñaría do Vigo Tecnolóxico retoman os actos de graduación trala pandemia

Arrancan este xoves coa celebración da Escola de Enxeñería Industrial no auditorio Mar de Vigo

Presenciais, con imposición de bandas e coas alumnas e alumnos que se gradúan arroupados polos súas madriñas e padriños de promoción e os seus familiares. A Universidade de Vigo retoma este curso os tradicionais, e tamén emotivos, actos de graduación. No campus de Vigo as celebracións arrancan este xoves da man da Escola de Enxeñería Industrial (EEI), o máis multitudinario, e tras el virán máis dunha ducia de actos que se prolongarán ata finais de xullo e nos que se graduarán máis dun milleiro de alumnas e alumnos das diferentes escolas e facultades.

455 novos graduados e graduadas no ámbito das enxeñarías

A Escola de Enxeñería Industrial será este xoves, 2 de xuño, o primeiro centro do ámbito das enxeñarías en celebrar o seu acto de graduación. A partir das 18:00 horas no Auditorio Pazo de Congresos Mar de Vigo, 325 alumnas e alumnos dos sete graos e do mestrado que se imparte na escola protagonizarán un acto que estará presidido por Alfonso Rueda, presidente da Xunta, e polo reitor da UVigo, Manuel Reigosa. En presenza das familias, graduaranse as primeiras promocións do Grao en Enxeñaría Biomédica (51 estudantes), titulación deseñada coa colaboración do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, e tamén do Grao en Tecnoloxías Industriais (38 estudantes), que forma parte do programa de excelencia Ultreia 2020 da Xunta de Galicia. O acto complétase coas graduacións da novena promoción do alumnado que cursou os seis graos que se imparten na escola (198 estudantes), ademais da sétima promoción do Máster en Enxeñaría Industrial (38 estudantes). “Nesta edición volven as familias a poder participar no acto co que imos acadar, creo, unha nova marca no rexistro de asistencia. Nun momento no que hai moita falta de titulados de perfil tecnolóxico, o número de graduados e graduadas nesta promoción, penso que invita a un certo optimismo cara o futuro”, explica o director da escola, Juan Pardo.

Pola súa banda, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (EET) celebrará por separado os actos de graduación da VII promoción do Máster en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación (25 estudantes), o venres 3 de xuño, e o da IX promoción do Grao en Enxeñería de Tecnoloxías de Telecomunicación (60 estudantes), que será o 10 de xuño. Sobre as dúas celebracións, que se desenvolverán no salón de actos do centro, a directora da EE de Telecomunicación, Rebeca Díaz, sinala que “supoñen unha carga emocional grande, dado que é posible volver compartir coa familia, amizades e comunidade educativa do centro. Pero máis ca iso, supón o comezo dunha nova etapa prometedora e chea de oportunidades para todo o estudantado”, sinala  a directora, que lembra que “a maioría de estudantes da EET xa están a traballar, dado que a Enxeñaría de Telecomunicación é unha profesión sen paro e con alta demanda en todos os ámbitos socio-económicos, aínda que cómpre recordar que tamén é un ámbito moi cambiante, cunha evolución vertixinosa”, destaca a directora.

Na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía (EEME) os actos de graduación celebraranse o 17 de xuño no paraninfo da UVigo, no edificio Ernestina Otero, e estarán protagonizados polos 45 alumnos e alumnas da IX promoción do Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos, da IX promoción do Grao en Enxeñaría da Enerxía e a VII promoción do Máster en Enxeñaría de Minas. O acto de graduación conta este ano coa novidade da entrega do premio Soltec ao mellor expediente da anterior promoción do Grao en Enxeñaría da Enerxía, que se suma aos galardóns concedidos polos colexios profesionais aos mellores expedientes das anteriores promocións do Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos (premio Coitmg) e do máster (premio Coimne). “Esta é a primeira vez que se concede o premio Soltec, que dá visibilidade á colaboración e implicación desta empresa co desenvolvemento das titulacións do centro”, sinala a directora da escola, Elena Alonso, que anima ás novas e novos graduados a “sentirse moi seguros pola sólida formación recibida e orgullosos por formarse nun centro público”, sinala.

Fonte: DUVI