Éxito rotundo nas dúas xornadas dos LPRO Days 2022

Vigo TecnolóxicoActualidadeÉxito rotundo nas dúas xornadas dos LPRO Days 2022

Os alumnos a piques de obter a súa titulación amosan un gran potencial con solucións TIC para medio ambiente, agro, saúde, fogar,…

O pasado xoves 5 e venres 6 de maio, como cada final de curso, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (EET) celebrou os LPRO Days, unha feira tecnolóxica na que o alumnado da materia Laboratorio de Proxectos, do último curso do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, presentan os seus innovadores traballos. Nesta edición presentáronse 14 proxectos, realizados por 84 estudantes baixo a coordinación de 15 docentes e, por primeira vez, ademais de na propia escola, as xornadas celebráronse tamén no Museo Verbum de Vigo coa colaboración do Concello de Vigo.

Como si se tratase dunha feira tecnolóxica profesional, cada equipo contou cun expositor propio no que puideron explicar aos asistentes as principais características e innovacións dos seus proxectos, experimentar cos prototipos ou, simplemente, intercambiar ideas sobre os resultados e experiencias que foron xurdindo ao longo de todo o desenvolvemento do proxecto. Como cada edición, a variedade temática das propostas foi a gran protagonista e, aínda que non houbo xurado como tal, outorgáronse 500 euros aos cinco proxectos máis creativos ou con máis viabilidadede de converterse nun producto/servicio real. Estos cinco premios foron entregados cadanseu por Gradiant, Optare Solutions, CTAG, Imatia e Quobis.

O xoves tivo lugar a presentación dos proxectos na Escola, onde o público destinatario foi a comunidade universitaria, destacando a presenza de docentes e estudantes. O corredor principal da EET encheuse de postos e, en cada un deles, as alumnas e alumnos explicaron a todas as persoas interesadas os detalles dos seus proxectos, múltiples propostas de I+D+i sobre domótica, realidade virtual, monitorización, aplicacións web…

O venres o estudantado trasladou os seus prototipos e expositores ao Museo Verbum para celebrar unha xornada na que, pola mañá, cerca de 400 escolares de educación pre-universitaria de 8 centros educativos (CPR Plurilingüe D. Bosco Salesianas, IES Pedra da auga de Ponteareas, IES Coruxo, IES Rosais II, IES Castelao, IES Alexandre Bóveda, El Castro e CPR Daniel Castelao) puideron ver, experimentar e tocar os prototipos dos diferentes proxectos. E xa pola tarde, abriuse a xornada a empresas e familias.

Asistencia do alcalde de Vigo na clausura do evento

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acudiu para a clausura do evento. Quixo coñecer todos os detalles dos proxectos presentados polos alumnos do Grao de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación. Ademáis de Abel Caballero, polo Verbum tamén se achegaron a coñecer e probar os prototipos Uxía Blanco, concelleira de Normalización Lingüística e Igualdade e Ana Mejías concelleira de I+D.

Cinco proxectos premiados polas súas ideas innovadoras e con gran proxección

A xornada rematou coa entrega de premios e o acto de clausura, no que participaron Martín Llamas, director do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic) , Rebeca Díaz Redondo, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo, Abel Caballero, alcalde de Vigo e Manuel Caeiro Rodríguez, coordinador do evento.

Os cinco proxectos premiados foron:

  • Nezha, un sistema de apoio para incursións de rastrexo e localización de persoas desaparecidas, recibiu o premio por parte de Gradiant.
  • VI-COIN, un sistema de xestión de servizos que ofrece unha administración aos usuarios en base a unha criptomoeda propia, e baseado nas redes Blockchain, recibiu o premio de Optare Solutions.
  • GYMVision, unha aplicación web coa que se pretende achegar o deporte a calquera tipo de usuario, recibiu o premio do CTAG.
  • Biomonitor, un proxecto que pretende facilitar o labor dos gandeiros de manter o benestar dos seus animais de granxa, recibiu o premio de Imatia Innovation.
  • repTalk (VR), un proxecto no que o emprego da realidade virtual serve para mellorar a oratoria, recibiu o premio de Quobis.

 

Fonte: ETT