A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía organiza un ciclo de cine sobre as mulleres científicas e tecnólogas na sétima arte

Vigo TecnolóxicoActualidadeA Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía organiza un ciclo de cine sobre as mulleres científicas e tecnólogas na sétima arte

Coa colaboración da Unidade de Igualdade, arranca este xoves 21 e estenderase ata mediados de maio

Se a imaxe das mulleres no cine ten sido máis que cuestionada pola falta de paridade, polos estereotipos que se transmiten nas películas ou pola falta de recoñecemento ás creadoras, aínda máis marcada é a situación de invisibilidade das científicas e tecnólogas nas producións cinematográficas. Para poñer en valor os traballos audiovisuais que si apostaron por visibilizar as achegas de mulleres STEAM á evolución e desenvolvemento da sociedade, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía (EEME) organiza un cine-fórum no que se proxectarán tres películas e un documental. Estas pezas relatan a vida e o traballo de catro mulleres que, fronte a estereotipos e discriminacións, desenvolveron a súa carreira profesional en eidos claramente masculinizados.

Como explica a profesora Generosa Fernández-Manín, enlace de igualdade da EEME, “o Cine-fórum (in)visibilidade das mulleres STEAM busca contribuír á difusión de valores igualitarios, do respecto e recoñecemento da achega das mulleres á ciencia e á tecnoloxía, así como da importancia de darlles visibilidade tanto na educación, como na contorna profesional e na sociedade en xeral”. Con esta idea, destaca, seleccionáronse catro cintas que relatan “historias de mulleres reais”: En tierra de hombres, Joy, Sesgo Codificado e Descifrando Enigma.

Esta actividade conta coa colaboración da Unidade de Igualdade da UVigo e tamén do Consorcio da Zona Franca de Vigo. De feito, será no salón de actos da sede desta última institución, na rúa Areal 46, onde se proxectarán as películas, que serán presentadas polo experto docente en cine, escritura de guións cinematográficos e linguaxe audiovisual Alfonso Castaño Hernández, que se encargará tamén de moderar o debate posterior. As sesións, que terán lugar os días 21 de abril e 5, 12 e 19 de maio, está abertas a toda a comunidade universitaria e tamén á cidadanía en xeral. No caso de limitación de capacidade terá preferencia o estudantado matriculado en titulacións do ámbito da enxeñaría.

Fonte: DUVI.