A finalidade é transferir coñecemento que dea resposta ás necesidades das compañías
O pasado venres tivo lugar un encontro de transferencia entre a Universidade de Vigo e a Asociación de Cultivos do Baixo Miño, acuBam, que congregou no Concello de Tomiño a 14 grupos de investigación da UVigo xunto cos representantes das empresas do sector da hortofloricultura. O obxectivo foi tender pontes entre a academia e a sociedade e achegar o coñecemento científico que se xera nos laboratorios universitarios ao tecido empresarial, tratando de dar respostas ás necesidades e demandas das empresas.
A xornada arrancou cunha visita a Flores Toxal, na Guarda, e ao Viveiro Río Tollo, en Goián, para posteriormente trasladarse ao salón de plenos de Tomiño, onde se desenvolveu unha sesión de traballo. Nela, as empresas do agro do Baixo Miño explicaron a situación actual do sector e os principais retos que teñen por diante, mentres que o persoal científico da Universidade presentou as liñas de investigación que se están desenvolvendo en eidos que poden de ser de interese para estas compañías. Abordáronse temas como a reutilización das augas sobrantes da rega, a xestión dos residuos orgánicos, a viabilidade de diferentes alternativas enerxéticas, as técnicas de loita BIO contra as pragas, o uso de drones para facer inventarios de campo, a mellora da conectividade das explotacións, a mecanización e robotización ou a optimización da cadea de loxística. Tamén se presentaron liñas de investigación relacionadas coa metodoloxía LEAN, a situación laboral do sector e a posibilidade de elaborar un convenio colectivo sectorial ou unha campaña de promoción deste eido.
Como explicou a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, este encontro naceu do propio interese das empresas que conforman acuBan que, nunha xuntanza co reitor, solicitaron a posibilidade de abrir unha liña de cooperación que permitise exportar á contorna o coñecemento que se xera na UVigo, achegando así solucións a problemas reais das empresas, como os relacionados coa conectividade, precaria nesta zona da provincia, ou os relacionados coa automatización de procesos, entre outros.
Achegar riqueza ao territorio
Na inauguración deste evento, a alcaldesa da vila, Sandra González, destacou que para o concello é unha honra acoller estas xornadas de transferencia e agradeceu que “a Universidade saia da Universidade, que pise territorio e traslade o seu coñecemento ao sector empresarial de todo o Baixo Miño”. González lembrou que Tomiño é “un concello verde, que aposta pola industria de futuro, por unha agricultura moderna e sostible, para o que é imprescindible a innovación, a tecnoloxía e o coñecemento que tedes na Universidade e que é tan valioso, por iso nos encanta que hoxe esteades aquí”.
Pola súa banda, o reitor da Universidade, Manuel Reigosa, agradeceu a acuBan a súa iniciativa poñéndose en contacto coa Universidade e, ao Concello de Tomiño, a súa disposición. “Estamos hoxe plantando unha semente que esperemos que agrome no futuro”, destacaba Reigosa, ao tempo que recalcaba que “como Universidade pública e galega apostamos porque o noso territorio sexa máis rico e, para iso, temos que formar os mellores egresados, facer investigación de primeiro nivel e apostar polo traballo público-privado en todos os sectores”.
Finalmente, no acto de apertura interveu a presidenta de acuBan, Mariví Álvarez, que puxo en valor o sector de cultivos de planta ornamental, flor cortada e horta, un sector que “representa o esforzo de persoas comprometidas co desenvolvemento sostible do Baixo Miño, persoas para as que esta xornada é unha recompensa e unha porta para reforzar o noso crecemento”. Neste sentido, subliñou que “a innovación é unha das claves para o cambio cara a sostibilidade, solo se apostamos por ela nos produtos, nos procesos e nas accións seremos capaces de crecer e ser unha referencia a nivel nacional e internacional”. Respecto ao sector da hortofloricultura na comarca, Álvarez destacou que contan “cun clima inmellorable, unha experiencia e un coñecemento indiscutible, pero son moitos retos os que afrontamos e algúns deles, como o cambio climático, a dixitalización, a captación de talento ou a profesionalización, sabemos que só podemos afrontalos reforzando os nosos lazos con outros actores do coñecemento, como é a Universidade de Vigo”.
O acto deste venres, ao que tamén asistiu a alcaldesa do Rosal, será o primeiro dunha liña de colaboración que se prevé máis ampla e que permitirá que os representantes das empresas poidan coñecer os laboratorios e liñas de investigación dos grupos que consideren que poden achegarlles respostas ás súas demandas. A medio prazo isto permitirá establecer proxectos conxuntos que se traduzan na transferencia do coñecemento universitario cara o tecido empresarial.
Fonte: DUVI.


