O primeiro premio foi para a imaxe ‘Leyendo taludes de oro’ da enxeñeira María Rocha
A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía entregou esta semana os premios do concurso fotográfico Enfoca.RME, unha iniciativa coa que o centro reta ás persoas afeccionadas ao mundo da fotografía a captar as mellores imaxes protagonizadas polos recursos mineiros e enerxéticos desde calquera punto de vista: xeración, transformación, transporte e uso de enerxía, enerxías renovables, explotación de minerais e rochas, obras subterráneas, restauración de espazos mineiros, etc.
Nesta ocasión o primeiro premio, dotado con 300 euros, foi para a fotografía Leyendo taludes de oro, realizada pola enxeñeira María Rocha, consultora de voaduras en Rocha Blast Engineers. Pola súa banda, o segundo premio, valorado en 150 euros, foi concedido a Cristina Aitana Verde por Verdi 02.
A entrega de galardóns tivo lugar no vestíbulo central da escola e nela contouse coa participación do enlace de Igualdade do centro, Generosa Fernández, e do subdirector José Santiago Pozo, quen amosou a súa satisfacción pola chegada de arredor dunha ducia de imaxes “de elevada calidade” provenientes de todo o mundo, algo que tamén destacou o xurado, composto polos docentes Mercedes Solla e Pablo Eguía, a PAS María del Carmen Romo, as alumnas Carmen Filgueira e Nuria Castro e o fotógrafo profesional Alejandro Lafuente.
Fonte: DUVI.


