A Universidade de Vigo homenaxea así ás pioneiras nas súas aulas universitarias co gallo da celebración do 8M
Ángela González Garrido foi a protagonista en 1965 dun fito na historia da Escola Técnica de Peritos Industriais da Universidade de Vigo: ser a primeira muller graduada polo centro, creado en Vigo en 1901. Transcorridos case 57 anos, recibiu hoxe o recoñecemento da UVigo no acto institucional de celebración do 8M, no que se lle outorgou o décimo Premio do compromiso coa igualdade de xénero da Universidade de Vigo, Uviguala 2022. Un galardón e un recoñecemento co que a UVigo rende hoxe homenaxe a todas as pioneiras universitarias que como Mª del Carmen Sábada e Capablanca, Pilar Palomar Traver, Rosario Torvieso Monge ou Dolores Lorenzo Salgado se formaron na Escola de Peritos, ou que como Josefa Costas González, Pilar Mosquera, Soledad Pelayo ou Ángeles Cabello, convertéronse, a partir do ano 1926, nas primeiras graduadas pola Escola Pericial de Comercio.
Todas estas pioneiras nas aulas universitarias, ás que a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, lembrou na súa intervención no acto celebrado este mediodía no edificio Redeiras, tomaron a remuda de Concepción Arenal, Manuela Barreiro Picos, Emilia Pardo Bazán ou Ernestina Otero, e abriron o camiño a miles de mulleres que a día de hoxe conforman o 55% do total do alumnado universitario en Galicia. No caso de Ángela González, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, referiuse a ela como “unha pioneira na que nos apoiamos para desenvolver unha sociedade máis xusta e polo tanto igualitaria e que nos fai que sexamos optimistas, e aínda que a historia ten dentes de serra, polo menos si podemos aspirar a que haxa unha tendencia cara á igualdade”, subliñando que “a conquista máis importante por parte da humanidade é a conquista da igualdade”.
Pola súa banda, a directora da Unidade de Igualdade foi a encargada de dar lectura á acta da comisión que por unanimidade acordou conceder o Premio Uviguala 2022 a Ángela González, que por problemas de saúde non puido recoller o galardón, sendo a súa filla Ángela Rey a encargada de recibir o premio. Águeda Gómez destacou á galardoada como un “exemplo da historia de vida en relación coa chegada das mulleres á universidade, ademais dun exemplo paradigmático de tesón e tenacidade como única muller da súa promoción”. Así mesmo, a directora da Unidade de Igualdade salientou que a homenaxeada “representaba o espírito característico de solidariedade e igualitario, notorio aínda hoxe, entre o alumnado da titulación de Enxeñaría Industrial, sendo un exemplo dun espazo de igualdade na nosa universidade”.
Educada e educadora na igualdade
Ángela Rey foi a encargada, en representación da súa nai e dos seus irmáns, de lembrar a traxectoria vital e profesional de Ángela González, a quen definiu como unha muller forte, temperamental e firme de carácter que sempre intentou axudar a quen o necesitaba, cuns pais que “desde pequena lle inculcaron un ideal de igualdade, e que as ciencias e a enxeñaría podían ser algo propio dela porque así lle gustaba e a iso se quería dedicar”. Asegurou ademais que para a súa nai os mellores anos da súa vida foron os que pasou na Escola, “onde sempre se sentiu moi arroupada e protexida polos compañeiros”.
“As matemáticas sempre foron para ela moi interesantes, gustáballe resolver problemas e todo o que tiña que ver coa enxeñaría e como arranxar cousas”, explicou a filla da homenaxeada, que lembrou que, ao igual que a súa nai foi educada na igualdade e na liberdade, ela fixo o mesmo cos seus fillos. “Rendemos homenaxe a unha muller que sempre foi firme nas súas conviccións, moi decidida a defender a súa dignidade e a de todas. Esta é unha homenaxe a todas as mulleres que perseveran nos seus ideais e sonos”, dixo Ángela Rey.
Fonte: DUVI.


