Os fondos proveñen do Ministerio de Ciencia e Innovación e do programa Ignicia da Xunta de Galicia
A Universidade de Vigo captou no 2021 1,5 millóns de euros para levar a cabo 10 “proxectos proba-concepto” dirixidos a impulsar cara o mercado os resultados da investigación e facilitar a súa transferencia á sociedade. Acaban de pórse en marcha e teñen por diante dous anos nos que demostrar que a I+D+i que se realiza nos laboratorios universitarios pode ser trasladada ao tecido socio-produtivo en forma de produtos, bens, servizos ou calquera outra aplicación que sexa beneficiosa para a economía, a sociedade, a cultura ou as políticas públicas. O 45% dos fondos conseguíronse a través da convocatoria Probas de Concepto do Ministerio de Ciencia e Innovación (681.000€), un programa de nova convocatoria financiado con fondos Next Generation EU. Pola súa banda, 746.000€ proviñeron do programa Ignicia- Proba de concepto, unha iniciativa pioneira posta en marcha pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación en 2016 e que xa leva tres edicións.
“O impulso á transferencia é un dos obxectivos deste equipo de goberno, a nosa Universidade ten xa desde hai anos unha gran tradición de transferencia, e o éxito logrado nestas convocatorias así o demostra”, explica a vicerreitora de Investigación Belén Rubio, quen se manifesta “moi satisfeita”, porque “o resultado natural da investigación é exportala á sociedade”. Os proxectos que se acaban de pór en marcha abranguen temáticas variadas como saúde, compostos farmacéuticos, cosméticos, pero tamén ambientais, de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro, de aproveitamento de enerxía e de tecnoloxías TIC aplicadas a aspectos de diversa índole.
Convocatoria do ministerio: 60% de éxito e múltiples temáticas
A convocatoria Probas de Concepto do ministerio vai dirixida a fomentar e acelerar a transferencia de coñecementos e os resultados xerados nos proxectos de investigación do plan estatal. Non se trata de continuar a investigación do proxecto previo, senón de pór en valor os coñecementos acadados mediante a realización de actividades adicionais que permitan confirmar o potencial innovador dos mesmos e facilitar a súa transferencia. Do total de 13 proxectos solicitados, o ministerio concedeu 8, o que sitúa a taxa de éxito da UVigo nesta convocatoria no 61,5%.
O proxecto que acadou un maior financiamento, 149.500€, é O3-Integap, Tecnoloxía de inxección de ozono para purificación de gases de escape. A investigación parte dun traballo anterior no que se comprobou o importante potencial da técnica de inxección de ozono como sistema de purificación dos gases de escape e mecanismos de eliminación de fouling, e ten por obxectivo estender a técnica realizando esforzos innovadores para obter un sistema que poida ser implementado nos motores de combustión interna existentes, contribuíndo á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro derivadas da combustión dos próximos biocombustibles e do resto de combustibles fósiles. Relacionado tamén co medio ambiente, o proxecto Hibritec+, financiado con 138.000€, busca un enfoque práctico e próximo á realidade de mercado na detección e o tratamento de compostos farmacéuticos. Trátase de desenvolver a escala piloto un proceso integrado, e economicamente viable, que mellore a produción de auga limpa para a súa incorporación ao mercado de reutilización de augas.
Outro dos proxectos que contan cunha maior cantidade de financiamento, preto de 100.000€, é NanoInRe, Nanofluídos optimizados para intercambiadores de calor nunha planta piloto de enerxía xeotérmica. Pola súa banda, e cun orzamento de 75.000€, o proxecto PolyDeepAdvance está dirixido especificamente ao ámbito sanitario e realizará a validación clínica e o plan de acceso ao mercado dun sistema de diagnóstico asistido por ordenador baseado no Deep Learning (técnicas de aprendizaxe profundo), para a detección e clasificación de lesións colorrectais en tempo real.
No ámbito das tecnoloxías TIC destacan iniciativas como VAIMos, financiado con 72.500€, que busca valorizar os resultados do proxecto AIM sobre Internet de todo (Internet of Everything, IoE). No mesmo eido, Realsat, cun orzamento de 40.000€, buscará unha nova tecnoloxía, efectiva en custo, para mellorar a cobertura desde satélites xeoestacionarios pequenos (GEO) ou de órbita baixa (LEO). Finalmente, cun financiamento de 43.000€, FLATCity-Urban formula a necesidade de estender os algoritmos de caracterización de elementos do solo coa fin de extraer outros atributos que enriquezan o mapa de navegación, como son a anchura dos elementos ou o estado de conservación.
Da unión entre o mundo das TIC e a comunicación xurde DEBATrue, un proxecto ao que o ministerio lle concedeu 65.000€, financiamento co que tentar pór en marcha unha plataforma de verificación e comprobación en liña sobre as afirmacións realizadas polos candidatos ou candidatas durante e despois da celebración dos debates electorais, contribuíndo así ao desenvolvemento dun modelo de medios de comunicación máis innovadores e democráticos.
Ignicia: impulsando os proxectos Celia e Surfacorn
No caso da convocatoria Ignicia impulsada pola Xunta de Galicia a subvención é de 746.000 euros, que se distribúen entre o proxecto Celia (388.000€), un asistente interactivo orientado a mellorar a comunicación das persoas con demencia, e Surfacorn (358.000€), traballo que busca aplicar o extracto biosurfactante obtido dos licores do lavado do millo para usos cosméticos e farmacéuticos.
No relativo a Celia, proxecto que foi presentado o pasado mes de novembro nun acto celebrado no edificio Redeiras, permitirá que persoas con demencia en estados iniciais vexan retardado o seu deterioro cognitivo, utilizando unha tableta que lles ofrecerá contidos de estimulación personalizados, baseados en noticias a partir das que se lle realizarán preguntas. O obxectivo é que a ferramenta permita que persoas maiores con deterioro cognitivo leve obteñan de xeito áxil e sinxelo información do seu interese, que se lles presenta en linguaxe natural. Para conseguilo bótase man de diferentes tecnoloxías como chatbots (aplicacións informáticas baseadas na intelixencia artificial que permiten simular a conversa cunha persoa), análise de sentimento, algoritmos de machine learning ou xeración de linguaxe natural, integradas nunha aplicación Android amigable.
Con respecto ao proxecto Surfacorn, preténdese levar ao mercado dous extractos biosurfactantes extraídos dos licores de lavado de millo para o seu uso na industria cosmética, farmacéutica e/ou agroquímica. Unha das principais vantaxes deste proxecto é o emprego de deterxentes naturais (denominados biosurfactantes), moito menos irritantes e tóxicos cós químicos e moito máis biocompatibles. Ademais, os biosurfactantes empregados neste traballo producen un efecto sinérxico cos ingredientes activos que se usan, debido ao seu poder antimicrobiano ou antioxidante, tal e como xa se demostrou en proxectos previos.
Fonte: DUVI.


